Xa esta aquí o novo iPhone

Se alguén non o sabe aínda, saiu onte Luns xa presentado o novo iPhone 3G, versión do tan coñecido trebello de Apple.
Lin bastantes críticas xa: en galego, en castelán, en inglés, profundamente, polo ar…e quería «contestar» a unha que me deixou bastante mal sabor de boca, concretamente a de Marcus neste artigo no seu blogue.
Comezo a citar e contesto:
Incluso consideraron positivo que os usuarios do iPod Touch teñan que pagar 9,95 dólares por descargar a actualización de software que para o iPhone é de balde.
Concordo na crítica, mais lembra que iso se pretendeu facer fai non moito e Apple tivo que ofrecela de balde tamén para os Touch, cousa que cicais teñan que facer de novo agora…
Vou pasar agora directamente a dicir os cambios do iPhone: o novo iPhone incorpora conectividade 3G e GPS. Punto e pelota. Ou sexa, que nin o terminal adelgaza (engordou 0,7 milímetros e reduciu o seu peso en só 2 gramos), nin a cámara pasa de 2 a 5 Mpíxeles, nin a capacidade de almacenamento medra ata os 32 Gb… ou sexa que esta mañá os do ABC se pasaron de listos ao falar do iPhone2, pois non acertaron nin o nome. Supoño que iso de que o móbil se vai vender en España a 0 euros tamén será unha bolaza.
Todos sabemos que as cousas, e máis especialmente en Apple, poucas veces acertan antes de sacar un producto, mais unha nota: o prezo dixo Jobs hoxe mesmo que como máximo sería de 199 euros, e eiquí quero lembrar un par de cousas.
O outro día comentouse que podería saír por 0 euros ao subvencionar parte Movistar, parte deses 199, polo que pode seguir pensándose en 0 euros polo trebello.
Segundo: hai países como Franza, e penso que Bélxica tamén, no que os terminais teñen que sair libres, polo que sairán por 199 euros libres, e por algo menos subvencionados con algún operador.
Terceiro: agardemos á presentación final do trebello por Movistar para falar de prezos, supoñer agora é supoñer o mesmo que supoñíamos todos estos días.
E no tocante á autonomía, quedou igual en todos os usos agás en telefonía, pois pasou de 250 horas en espera a 300, e de 8 horas en conversa a 10 horas (aínda que se tes o 3G activado só aguanta 5 horas en conversa).
Home…a min a autonomía paréceme bastante boa, especialmente comparada con trebellos como a miña Blackberry, que ten menos autonomía penso que o novo iPhone (e nin 3G), e que moitos Nokia, sería bo comparalo…
Para a xente que quere ter as vantaxes dos usuarios corporativos no correo electrónico, nos contactos e no calendario, así coma compartir imaxe e gardar ficheiros na Rede os de Apple veñen de mudar o seu .Mac a MobileMe, aínda que se poden esquecer de min, pois o servizo custa 79 euros/ano (para 20 Gb de almacenamento) cando con Google case teño o mesmo de balde.
Aí falaches co case. A ver quen te da 20 Gb de almacenamento cun soporte e un xeito así de compartir arquivos por 99 euros ao ano, menos de 10 euros ao mes, e o digo eu que son usuario dunha conta .Mac, futura Mobileme. E non falo xa só do almacenamento, senón de todo en xeral, do Back to my mac e demais prestacións…
En fin, certamente hai moito fanboyismo con Apple mais tamén moita crítica desenfundada porque si sen pararse a comparar con alternativas iguais (non podes comparar Google con Mobileme, básicamente porque Google non ofrece almacenamento).
¿Se mercarei o novo trebello? Eu son Vodafone, mais dende que teño o Macbook entendo que a experiencia de usuario que ofrece o iPhone se tes un mac non hai outra cousa igual, especialmente coa sincronización co MobileMe, as cousas como son…
Comentarios
Comment from breogain
Date: 10 Xuño 2008, 16:18
ollei a nova esta mañá na televisión, e dixeron algo de que ia custar ao redor dos 125 euros en España… un prezo moi competitivo non? polo que contades debe ser unha pasada, eu por desgraza inda teño un ano e pico máis de contrato con Orange, pero cando remate iso, quén sabe, inda que supoño que xa haberá trebellos moito máis avanzados daquela, polo de agora seguirei có meu Ericsson K750 I que tan bo resultado me está a dar..jeje.
por certo, o outro dia o meu cuñado ensinoume o seu novo aparatiño, un LG KU e non sei máis, con punteiro e cámara de 5 mgpx., unha pasada.
Un saúdo Andrés
Comment from anllo
Date: 10 Xuño 2008, 19:21
a 199 euros? Steve Jobs prometeu que non pasaría dos 199 USD en ningún país, e iso ao cambio serían uns 129, que non está nada mal para un trebello destas características. iso si, como dixo Fran Diéguez en twitter, o peor non é o seu prezo, senón o contrato que ofrecerá movistar e que será un auténtico roubo, seguro.
en características paréceme simplemente correcto, destacando como ti ben dis no aspecto da autonomía. a miña blackberry aguanta uns catro días como moito cun uso normal, e paréceme bastante.
verémolo a 0 euros? eu creo que si, cunha boa tarifa mensual duns 70 euros, con prezos e características similares ás de O2 no Reino Unido, que ao fin e ao cabo tamén lle serviu a Telefónica como proba para a infraestrutura de movistar que se fará en España.
saúdos!
Comment from Marcus
Date: 10 Xuño 2008, 1:37
O do iPhone a 0 euros é un rumor que naceu dos desinformados do ABC. Eu creo que o prezo normal en España vai ser de 199 euros, pois Apple vai querer manter os prezos a uns niveis que non lesione ao resto dos seus produtos.
O que se demostro coa nova política de prezos é que Apple pasou polo aro, e tivo que aceptar as subvencións das operadoras e deixar de vender terminais directamente. Non hai que esquecer que o novo prezo en EE.UU. é baixo condicións moi definidas (das que agora non hai escaqueo posible). Adeus ao negocio de terminais iPhone en eBay.